En 1711, o párroco alemán Anton Ginther publica en Augsburgo a obra que, baixo o título Mater amoris et doloris, dedica á Virxe Dolorosa. Empregando o mesmo procedemento que cinco anos atrás utilizara no libro consagrado ó Santísimo Corazón de Xesús, Ginther divide o texto nunha serie de Considerationes ou meditacións que, de cara a mesturar o útil co doce (coma o propio autor confesa no prólogo), se articulan ó redor dun emblema.
Así pois, seguindo a estrutura característica da literatura emblemática, as Considerationes constan dun mote, unha imaxe e unha cita que, asimilable ó epigrama, procede xeralmente das Sagradas Escrituras. A maiores, cada meditación engade un pequeno resumo ó comezo e un comentario extenso, de maneira que, se o primeiro sintetiza en dúas ou tres liñas o tema subxacente, o segundo, ademais de explica-lo porqué da pictura e mailo mote, afonda nas ensinanzas que emanan do emblema acudindo a outros exemplos bíblicos (normalmente obxecto dunha lectura tipolóxica) e a citas tomadas dun amplo elenco de autores. Asemade, resultan de grande utilidade os encabezados que acompañan ós textos, dado que, mentres os das páxinas pares se limitan a sinalar o número de meditación que se está a desenvolver, os das impares resumen, nunha única frase e a modo de título de capitulo, aquilo que se está a analizar.
Exemplo de Consideratio: resumo, emblema, cita e inicio de comentario [esquerda];comentario e encabezado en páxina par [centro]; comentario e encabezado en páxina impar [dereita]
Consecuentemente, basta ler estes encabezados para comprender que os setenta emblemas que conforman a obra abarcan toda a vida da Virxe, dende a súa Inmaculada Concepción ata a súa Asunción e Coroación nos ceos, pois o obxectivo non é outro que presentar a María como a nai amantísima (Mater amoris) que sempre permanece fiel ó seu Fillo e, por conseguinte, ós homes. Ó respecto, esta fidelidade é a que leva á Virxe a padecer continuas dores (Mater doloris) que, iniciándose segundo moitos autores xa na Encarnación, alcanzan o seu acme durante a Paixón e Morte do Señor, continuamente referida como o sacrificio que voluntariamente aceptan María e Xesús en prol da salvación do xénero humano.
Ó abordar estes episodios, que constitúen pouco menos da metade das Considerationes, Ginther intercala os escabrosos pormenores do seu sufrimento con continuas chamadas ó lector para que, tendo presente tales imaxes, medite sobre ditos sucesos e, sen esquecer que el, polos seus pecados, é o responsable dos mesmos, se arrepinta e reconduza a súa vida pola senda da virtude. Neste senso, se ó longo de todo o libro faise latente o papel de María como mediadora entre Deus e a humanidade, nas seis últimas meditacións proclámase abertamente a necesidade de renderlle culto, instándose ó fiel a imitala e máis a busca-lo seu patrocinio se desexa superar os perigos do mundo e alcanza-la vida eterna.
En apenas corenta anos, esta obra foi obxecto de catro edicións: á primeira de 1711 seguiron outras dúas en Augsburgo (1726 e 1741) e unha en Amberes (1752). Nembargante, pese á súa evidente difusión, só temos constancia da súa repercusión plástica en tres conxuntos: a actual Igrexa do Espírito Santo en Neoburgo, a cripta da igrexa parroquial de Galera (Granada) e a a capela da Dolorosa na antiga igrexa dos xesuítas de Oviedo, actual parroquia de San Isidoro o Real.