APES (applied prints and emblems) é una páxina académica dedicada a amosar os referentes gravados que serviron de modelo para as manifestacións plásticas de temática relixiosa creadas na Península Ibérica durante a Idade Moderna.
Estas esculturas e pinturas poden ser basicamente de dous tipos: representacións descriptivo-narrativas e composicións alegórico-simbólicas. Entre as primeiras destacan as escenas da vida de Cristo, María e mailos santos; entre as segundas, desempeñan un papel importante os emblemas: un xénero híbrido de imaxe e texto que glosa un concepto abstracto.
Xustamente, no caso dos conxuntos de emblemática aplicada, o achado das fontes nas que se basean resulta fundamental para descifra-lo seu significado; non en van, ó traspoñerse dos libros ós novos soportes, habitualmente os emblemas redúcense ó mote (ou lema) e a imaxe (ou pictura), perdendo a subscriptio que aclara e desenvolve o seu contido. Certo é que dito contido pode sufrir lixeiras modificacións para adaptarse ó novo contexto, pero (alomenos nos casos que analizamos ata a data) o significado básico tende a manterse xa que é precisamente este o que motiva a súa elección.
Os programas que presentamos nesta web foron pormenorizadamente estudados na nosa tese doutoral, titulada La impronta de la literatura emblemática y la estampa europea en los programas devocionales dedicados a María durante el siglo XVIII en la Península Ibérica, así como nas publicacións derivadas da mesma. Tamén son o resultado da investigación posdoutoral que actualmente estamos llevando a cabo, dentro do Programa de axudas a etapa posdoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) .
Consecuentemente, salvo que se indique o contrario, tódolos textos e mailas fotografías son nosos. Nos gravados indicamos a súa procedencia e, no caso de existir, respectamos a marca de auga que presenten, podendo afirmar que sen os proxectos de Google Books, Emblematica online e MDZ o noso traballo tería sido radicalmente distinto.
Finalmente, procuramos enlazar tanto as fontes primarias e secundarias coma as imaxes citadas que son accesibles a través da Internet; os vínculos atópanse naquelas palabras escritas en cor dourada, que, ademais, se subliñan ó pasa-lo rato por riba delas.
Capela da Dolorosa (Oviedo) [arriba] e A. Ginther: Mater Amoris et Doloris (Augsburgo, 1711) [abaixo]